asociación SAGRES

MANS SALGADAS

“Mans Salgadas”

Proxecto sobre a difusión da cultura tradicional mariñeira e a recuperación da memoria etnográfica da poboación mariñeira de Aguiño


Os cambios tecnolóxicos e económicos dos últimos 20 anos fixeron que pouco a pouco caese no esquecemento unha gran parte da cultura mariñeira adquirida dende tempo inmemorial e que a transmisión familiar deste patrimonio cultural non se dese.

As xeracións dos maiores cun profundo coñecemento deste extraordinario patrimonio cultural mariño están retiradas, e moitos deles contan cunha idade avanzada, estamos pois neste intre, nunha das últimas oportunidades para recuperar e poñer en valor unha sabedoría que non nos podemos permitir que se perda.

Temos a obriga de conservar ese coñecemento e ademais de profundar nas súas posibles aplicacións ao momento actual


Promotores

Asociación Sagres, en Defensa do Litoral .

Marco expositivo

Somos as xentes as que co noso devir histórico cultural manifestado na nosa relación co medio, as que fomos conformando as ricas paisaxes humanas, a nosa cultural landscape. Recoller toda esa paisanaxe humana mariña, que nos pertence a todos, é ao cabo o propósito final deste proxecto.

O ritmo que o mundo cada vez máis globalizado está a impoñer sobre todo no eido económico, fai que os modelos de produción tradicionais se abandonen e con el todo os elementos culturais asociados a estas prácticas. A cultura local xa que logo compite en desigualdade de condicións na súa interacción coa nova cultura global.

O que acontece coa pesca é un bo exemplo desta situación, xa que as poboacións pesqueiras artesanais ven ameazadas os seus estilos de vida e a cultura dos seus mares.

Dende as súas orixes, as vilas de Aguiño e Carreira teñen unha identidade fortemente ligada ao traballo do mar. Inmemoriais xeracións de pescadores viñeron desenvolvendo a súa actividade nos caladoiros tradicionais, sendo historicamente a súa principal fonte de sustento. A procura da subsistencia xunto coa incerteza natural da actividade pesqueira, conduciron a que o pescador de Aguiño se adaptase constantemente ás novas situacións económicas, sociais, políticas e culturais. Estes procesos de adaptación son “respostas culturais particulares”, que constitúen a esencia da cultura mariñeira.

Tendo en conta que todo o sistema cultural mariñeiro, composto polo conxunto de saberes e actividades nos que os conceptos de explotación e sostibilidade na extracción estaban inherentes ata a chegada das novas tecnoloxías, está en mans dos pescadores artesanais de Aguiño e Carreira de maior idade e dado que non se está a producir a súa transmisión, urxe recuperar esa memoria de desaparición previsible.

Así mesmo, debemos pensar que as formas orais que se desprenden de calquera coñecemento son as máis vulnerables e as máis propensas a perderse, conservar e difundir o saber tradicional é ao cabo o propósito deste proxecto.

Por último estamos convencidos de que o mellor xeito de enfrontar o futuro e coñecer o noso pasado, onde imos atopar coñecementos, prácticas e actitudes que nos servirán para proxectar a sostibilidade do noso mar tanto polo coñecemento das boas prácticas que se respectaban no pasado coma pola reflexión que nos provocará a desaparición de diversas especies. Ademais esta recuperación do pasado abrirá, sen dúbida, novas posibilidades de explotación responsable que contribuirá a mellora do tecido social da comarca.

Obxectivos

Na Conferencia Mundial da FAO sobre Ordenación e Desenvolvemento Pesqueiro, celebrada en Roma no 1984, destacouse o papel, historicamente silenciado, que tiña desempeñado o pescador, facendo notar que, desgraciadamente, moitas veces se esquecía que o home do mar, era o elemento imprescindible e fundamental da cultura pesqueira.

Dende este punto de vista, preténdese cederlle a voz protagonista aos pescadores, como verdadeiros posuidores e reprodutores da cultura mariñeira, a través da:

Recuperación da cultura mariñeira da poboación de Aguiño, tanto material (oficios e artes de pesca, tipo de embarcacións asociados, etc.) como inmaterial (coñecemento experto do medio e do hábitat mariño, transmisión de saberes, educación, valores, formas de comportamento, estratexias de pesca, mecanismos de información pesqueira, organización social, etc.).
Divulgación deste arquivo patrimonial a través da súa exposición e da elaboración dun libro + CD.